Incautados polos Gardacostas de Galicia preto de 5.000 quilos de marisco e peixe
Tamén se incautaron máis de 400 utensilios e un vehículo
Gardacostas de Galicia requisaron preto de 5.000 quilos de marisco e peixe, 407 útiles e un vehículo en distintos controis realizados entre o 12 de novembro e a madrugada deste venres 23 de novembro polo litoral galego.
A ría de Arousa foi a que rexistrou máis comisos, e na ría de Pontevedra, os inspectores da Xunta tamén realizaron distintos controis contra a actividade ilegal. Pero un dos controis máis relevantes foi no porto de Marín e saldouse co comiso de 122 quilos de centola e coa incautación de cinco salabardos. Todo isto foi requisado por carecer de identificación. A maiores, os gardacostas actuaron tamén na ría de Aldán.
A ría de Vigo tamén foi escenario de controis contra o furtivismo, o produto que foi entregado a un centro benéfico. Nas inspeccións realizadas na ría de Muros e Noia, toda a mercadoría foi comisada por carecer de documentación e ademais o rapante era de talle ilegal.
Na Costa da Morte, na ría da Coruña e na ría de Ferrol os gardacostas tamén realizaron varios controis.
Por outra banda, os axentes de gardacostas tamén realizaron diferentes controis por terra no eido da comercialización, en concreto, en Ourense.