"Regueifas de ciencia" debate sobre a legalización da eutanasia
O debate terá lugar o xoves 29 de novembro a partir das 20:00 horas
O próximo debate que abordará o ciclo de Regueifas de ciencia, que se desenvolverá o xoves 29 a partir das 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, versará sobre a eutanasia. Nesta ocasión, no debate defenderán a legalización da eutanasia a catedrática emérita de Filosofía Moral e Política da Universidade de Barcelona, Margarita Boladeras Cucurella, e Isabel Blanco Domínguez, directiva de "Derecho a Morir Dignamente". En contra intervirán Francisco Javier Barón Duarte, da Unidade de Hospitalización do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario da Coruña, e Jacinto Bátiz Cantera, doutor en Medicina e Cirurxía e médico de familia.
Regueifas de Ciencia é unha serie de debates en formato Oxford arredor de temas científicos controvertidos que se celebra por terceiro ano consecutivo. Os debates de Regueifas de Ciencia poden ser seguidos en directo dende a sala (entrada libre ata completar aforo), por streaming (a través de http://tv.usc.es/directo2.html) ou visualizados despois a través da canle de YouTube.
Regueifas de Ciencia, formada por profesores, investigadores e profesionais da comunicación científica, está promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e financiada pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), pertencente ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Conta tamén coa colaboración de Leonor Parcero&Co.