Comeza a terceira edición da campaña "Zocos e Trasnos" en Ames
O obxectivo da campaña é que ningunha crianza quede sen agasallos este Nadal
A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e maila asociación veciñal Vivo en Ames, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social, poñen en marcha a terceira edición da campaña Zocos e Trasnos. Nesta iniciativa, as zocas e zocos son nenas e nenos, dos 0 aos 14 anos, cuxas familias están a pasar por un momento de dificultades económicas. O obxectivo da campaña é que ningunha crianza quede sen agasallos este Nadal, para o que se necesitan os trasnos, persoas voluntarias que merquen un presente para algunha destas nenas e nenos. Na pasada edición, foron 200 as crianzas que se beneficiaron deste programa.
A organización desta iniciativa será a encargada de recoller as cartas escritas polas nenos e nenas aos Reis Magos. Estas cartas chegarán aos trasnos a través dun correo electrónico, dunha mensaxe ao móbil ou mesmo en man, acompañadas dun código identificativo da nena ou neno (non se darán nomes nin apelidos). Cada trasno deberá escoller un só presente da carta, que non poderá superar os trinta euros, non será de tipo bélico nin terá compoñentes sexistas. Unha vez mercado, o trasno deberá levar o seu regalo envolto e co código identificativo a algún dos puntos de recollida que se instalarán en Ames. Os agasallos serán entregados posteriormente ás familias, para que estas os coloquen debaixo da árbore na mañá de Reis.
As persoas interesadas en formar parte da campaña Zocos e Trasnos poden apuntarse chamando ao teléfono da OVA, 662 37 70 44, ou ao da asociación veciñal Vivimos en Ames, 687 05 46 35, enviando un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com ou mandando unha mensaxe privada ás contas de Facebook da OVA ou da propia asociación. Tamén é posible apuntarse de xeito presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. As persoas participantes nas anteriores edicións, recibirán información por correo electrónico para seguir contando coa súa axuda este ano.