Cen rapaces e rapazas do CPI Cernadas de Castro construirán un muro contra a violencia de xénero na casa do Concello de Lousame
O acto terá lugar de 10:00 a 10:20 horas
Uns cen rapaces e rapazas de Secundaria do CPI Cernadas de Castro construirán hoxe venres 23 de novembro un muro contra a violencia de xénero na entrada da casa consistorial de Lousame. Unha actividade que terá lugar de 10:00 a 10:20 horas e que rematará coa lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.
O acto estará presidido pola concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, e a directora do colexio, Pilar Cobas. O muro contra a violencia de xénero estará composto duns cen “ladrillos”, que non son máis ca caixas de zapatos decoradas polo alumnado e nos que escribirán mensaxes a prol da igualdade e contra a violencia machista.
Pola tarde, ás 20:00 horas, está programada a charla-obradoiro “Como falar de sexualidade cos teus fillos”, impartida por persoal dos Centros Quérote + da Xunta de Galicia. Na charla participarán unha quincena de familias e terá lugar ás 20:00 horas na aula de educación de adultos da Casa da Cultura de Lousame.
Outras actividades
Así mesmo, os sábados 24 de novembro e 1 de decembro terá lugar o “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas”, organizado polo Concello de Lousame, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Loita. Un curso no que están anotadas 35 mulleres, que asistirán a sesións de adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas mediante técnicas de autodefensa. Terá lugar no ximnasio do CPI Cernadas de Castro, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Finalmente, o domingo 25 de novembro terá lugar a IV Andaina contra a Violencia de Xénero de Lousame, na que a día de hoxe hai anotadas máis dun cento de persoas. Esta ruta de sendeirismo de 8 quilómetros sairá ás 11:00 horas do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, a onde está prevista a volta un par de horas despois. Á chegada haberá unha degustación de chocolate e rosca para todas as persoas participantes.