miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Brión súmase á campaña “En negro contra as violencias”

Brión súmase á campaña “En negro contra as violencias”
Brión súmase á campaña “En negro contra as violencias”

A veciñanza está convocada a unha concentración de repulsa na Praza do Concello este venres 23 de novembro, entre as 12:00 e as 12:15 horas

Brión é un dos quince municipios que se suman este ano á campaña “En negro contra as violencias”, posta en marcha en 2015 polo Concello de Santiago e á que están adheridas na actualidade 102 municipios de diferentes cores políticas, tres deputacións provinciais e máis de 6.000 establecementos e axentes sociais. 

“As cifras anuais de agresións e asasinatos a mulleres seguen a resultar intolerables”, apunta o alcalde José Luís García, quen sinala que “ante esta evidencia, o Concello de Brión súmase á crena de que a sociedade debe deixar de ser espectadora e asumir un papel activo e protagonista, rexeitando esta situación intolerable e amosando publicamente a solidariedade coas vítimas e a tolerancia cero cos agresores”.

Por iso, o Concello de Brión convoca unha concentración de repulsa que terá lugar o venres 23 de novembro, entre as 12:00 e as 12:15 horas, na praza do Concello. Como o obxectivo desta campaña é facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, os Servizos Sociais de Brión traballaron nas últimas semanas para tratar de tinguir de negro todo o municipio.

Así, enviouse información a todas as empresas, entidades, asociacións e centros educativos tanto sobre a campaña como sobre o material a el asociado. A maiores, colocáronse pancartas coa lenda “Brión contra as violencias” tanto diante da casa consistorial como nos distintos actos que se están celebrando nos últimos días, onde os propios monitores e persoal municipal participan coas camisetas negras da campaña. Así mesmo, o profesorado do CEIP de Pedrouzos, vestido tamén de negro, organizará unha sentada no centro escolar o mesmo venres 23 de novembro.

Actividades paralelas

Paralelamente ao desenvolvemento de “Brión en negro”, o Concello de Brión tamén ten programado acoller a exposición “Á violencia de xénero dille non”, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Unha mostra dirixida especialmente á mocidade brionesa, como representantes dunha futura sociedade construída sobre os piares da liberdade, a tolerancia e o respecto.

Unha mostra que adopta a linguaxe das bandas deseñadas para expoñer os estereotipos caducos sobre os que se asenta a violencia de xénero e que a poboación máis nova parece estar reproducindo de xeito preocupante. Ademais das visitas programadas para o alumnado do IES de Brión, a exposición tamén poderá ser visitada pola veciñanza no centro social polivalente do 26 de novembro ao 9 de decembro.

Así mesmo, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Brión sumarase a dúas actividades da campaña “Quen dixo medo?”. Por unha banda, o Concello de Brión convidou ao CEIP de Pedrouzos a participar no concurso de pintura mural e o próximo martes 27 de novembro as unitarias do municipio acollerán unha sesión de contacontos e obradoiro de manualidades.

A actividade comezará coa lectura do conto “Quérote case sempre”, de Anna Llenas, que narra a historia de amor entre Lolo e Rita, dúas personaxes que se respectan nas súas diferenzas e se adaptan para convivir en harmonía. Tomando como fío condutor a lectura do conto, o docente abordará diversas cuestións para axudar os mais cativos/as a afianzar conceptos básicos para a súa vida cotiá e para a correcta construción da súa identidade, establecendo relacións equilibradas, solidarias e construtivas ao tempo que aprenden a expresar as súas emocións de forma axeitada, sen insultos, gritos ou agresións.

Este contacontos e obradoiro de manualidades terá lugar o martes 27 de novembro nas escolas unitarias de Sabanxáns (de 9:15 a 10:15 horas), Os Ánxeles (de 10:30 a 12:30 horas) e A Luaña (13:15 a 14:15 horas).

Comentarios
Lo más