miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Galicia ofertará 5.686 prazas de emprego público para o 2019

Galicia ofertará 5.686 prazas de emprego público para o 2019
Galicia ofertará 5.686 prazas de emprego público para o 2019

“Estamos a falar dunha cifra que triplica a do ano pasado e que conta cunha reserva para persoas con discapacidade por riba do 9%, é dicir, superior ao 7% establecido na lexislación”, dixo Feijóo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte na rolda de prensa do Consello que a oferta de emprego público para 2018 ascenderá a 5.686 prazas, nos ámbitos da sanidade, da educación, dos servizos sociais e da Administración xeral, a maior desde 2008.

Logo de precisar que esta oferta será presentada ás organización sindicais, co obxectivo de aprobar os correspondentes decretos de ofertas de emprego público antes de que remate o ano, Feijóo resaltou que, do total da oferta, 2.175 prazas correspóndense co ámbito da Administración xeral, o que permitirá reforzar eidos prioritarios como os servizos sociais, a loita contra a fraude fiscal, o asesoramento xurídico ou os servizos xerais e de administración, así como estabilizar o emprego temporal.

“Estamos a falar dunha cifra que triplica a do ano pasado e que conta cunha reserva para persoas con discapacidade por riba do 9%, é dicir, superior ao 7% establecido na lexislación”, dixo.

Ás 1.448 prazas de acceso libre súmanse outras 150 para a promoción interna de persoal funcionario e, como novidade este ano, inclúense 577 para o proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo. “Estamos a falar do que será o primeiro proceso global de funcionarización que desenvolve a Administración galega en toda a súa historia”, abundou.

No eido da sanidade pública ofertaranse 1.461 prazas, apostando pola atención primaria en áreas como a pediatría ou a medicina familiar. Deste xeito, serán case 7.000 os profesionais que se incorporarán ás institucións sanitarias do sistema público de Galicia cun emprego fixo desde o ano 2009.

“Concretamente, esta oferta dará resposta ás necesidades asistenciais e organizativas identificadas como prioritarias polo Servizo Galego de Saúde, con especial atención aos ámbitos asistenciais cunha maior demanda de efectivos”, explicou, referíndose a medicina de familia e da pediatría, así como a outras categorías que rexistran unha maior densidade de estabilización dos seus cadros de persoal.

O titular da Xunta aseverou que o obxectivo é alcanzar, no ano 2020, o compromiso asinado caos organización sindicais e xa iniciado co decreto de oferta de 2017, que sitúa a taxa de temporalidade na porcentaxe do 5%.

Máis polo miúdo, está prevista a convocatoria de: 512 prazas de persoal licenciado sanitario; 659 de diplomado e formación profesional; e 229 prazas de persoal de xestión e servizos das áreas de administración e hostalería.

E, do total de prazas: 98 reservaranse para persoas con discapacidade; e ata un 50 por cento das prazas convocaranse para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

A oferta de emprego público en sanidade tamén alcanzará a persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria cun total de 61 prazas, das cales: 7 corresponden á taxa ordinaria de reposición de efectivos; e 54 á taxa adicional para a estabilización do emprego temporal no sector da saúde pública e administración sanitaria. E, entre as clases que serán obxecto da oferta destacan: os inspectores médicos; os inspectores farmacéuticos; e os farmacéuticos inspectores de saúde pública.

Por último, cómpre salientar que as 2.050 prazas restantes correspóndense co ámbito educativo e xa foron executadas: 705 prazas para mestres; 1.050 para para docentes de ensino secundario; 160 para profesores de Formación Profesional; 105 para catedráticos de música e artes escénicas; e 30 para docentes de escolas de idiomas.

A oferta de emprego para 2018 foi executada con normalidade durante o verán, e agora a Administración galega xa está a traballar na oferta de emprego para o vindeiro exercicio.

Feijóo concluíu subliñando que, coa oferta de emprego público que se aprobará este ano tras abordala coas organizacións sindicais, o Goberno galego terá ofertado xa máis da metade das 15.000 prazas comprometidas no Plan de estabilidade no emprego público para o período 2017-2020, asinado entre a propia Administración autonómica e as organizacións sindicais.

Comentarios
Lo más