Gonzalo Hermo consigue o XVI Premio de Poesía Afundación
Hermo é membro fundador da editora-libraría-espazo de creación Chan da Pólvora, con sede en Santiago de Compostela
Gonzalo Hermo recibiu onte á tarde de mans do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, o XVI Premio de Poesía Afundación que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia e co patrocinio da Xunta de Galicia.
O acto de entrega celebrouse onte xoves 22 de novembro ás 19:30 horas na Sede Afundación de Santiago de Compostela, e contou tamén coa presenza de Luís González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia e presidente do xurado e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado. O galardoado ofreceu así mesmo un recital poético acompañado dunha videocreación de Xes Chapela.
O xurado, composto nesta edición por Luís González Tosar, Alba Cid, Estíbaliz Espinosa (gañadora da anterior edición), Xosé Ramón Pena e Xabier Castro Martínez, escolleu A vida salvaxe de entre 31 obras presentadas por «ofrecer desde a sobriedade e a contención —en palabras do xurado— un regreso á natureza que incorpora o autobiográfico e o metapoético. Esta obra entronca con poéticas abertas na creación contemporánea tanto na súa procura do salvaxe como no recurso dun misticismo estético».
O PREMIADO
Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente vive en Cataluña, onde é profesor asociado da Universitat Autònoma de Barcelona e imparte o curso anual de poesía da Escola de Lletres de Tarragona. Publicou dous libros de poesía: Crac (Barbantesa, 2011) e Celebración (Apiario, 2014), traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017).
Recibiu os premios Xuventude Crea da Xunta de Galicia en 2010, o Premio da Crítica Galega en 2015 e o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova «Miguel Hernández» en 2015. Exerceu puntualmente a crítica literaria para diferentes medios e a tradución de poesía galega contemporánea. É membro fundador da editora-libraría-espazo de creación Chan da Pólvora, con sede en Santiago de Compostela.