miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Alimentación saudable e envellecemento activo no I Foro activIDADE organizado pola UCGAL

Alimentación saudable e envellecemento activo no I Foro activIDADE organizado pola UCGAL
Alimentación saudable e envellecemento activo no I Foro activIDADE organizado pola UCGAL

O secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo e a Directora de Relacións con Asociación de Consumidores de Mercadona, Clara Medina, inauguraron este evento

A Cidade da Cultura acolleu este mércores o I Foro activIDADE: alimentación e envellecemento activo. Organizado pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e Mercadona, a actividade congregou a máis de 160 persoas que tiveron ocasión de coñecer iniciativas e experiencias centradas na alimentación, os hábitos de vida saudable e o envellecemento activo.


O secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo e a Directora de Relacións con Asociación de Consumidores de Mercadona, Clara Medina, inauguraron este evento. López deu a benvida ás persoas asistentes trasladando o seu agradecemento ás entidades colaboradoras e recordando que “envellecer activamente é un proxecto persoal, familiar e social que debemos formular a longo prazo”.


O foro estruturouse en dous bloques ben diferenciados. O primeiro foi unha mesa redonda na que representantes de diversas entidades e da administración compartiron experiencias e boas prácticas na nutrición para unha vida san. 

Nesta mesa participaron José Carlos Millán Calenti, director do grupo de investigación en xerontoloxía da Universidade de A Coruña; Sabela Couceiro, coordinadora da Área de Envellecemento Activo de Afundación; Mª José Fares, psicóloga na Área de Proxectos de ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos); Andrés Vázquez, director da Área de Benestar do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e Lara Rodríguez, responsable de proxectos de innovación do Clúster Alimentario de Galicia.


Durante o segundo bloque, abordáronse diversos temas a través das intervencións de persoas expertas, axentes sociais, entidades e iniciativas que compartiron os seus puntos de vista sobre novas tecnoloxías, alimentación, innovación e proxectos específicos para persoas maiores. 

As persoas relatoras foron Marcus Fernández, responsable do diario tecnolóxico Código Cero; Concha Fernández, Concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela; María González Rodríguez, dietista e nutricionista do servizo de endocrinoloxía e Nutrición do CHUS; Clara Medina, Directora de Relacións con Asociacións de Consumidores de Mercadona e Loreto Somoza, coordinadora autonómica de Programas de Maiores de Cruz Vermella de Galicia.


A Conselleira de Política Social, Fabiola García, clausurou este primeiro Foro activIDADE facendo fincapé no traballo da administración a prol das persoas maiores e salientando a importancia da realización de actividades que permitan o encontro e intercambio de experiencias entre axentes, entidades e os nosos maiores.

Comentarios
Lo más