Máis de 500 expertos en infeccións e vacinas danse cita en Santiago de Compostela
O encontro foi inaugurado onte na tarde polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo
Santiago de Compostela acolle un ano máis aos principais expertos do mundo en infeccións e vacinas no 9º Taller Interactivo Infectolóxico (TIPICO) organizado polo servizo de Pediatría da Xerencia Integrada de Santiago e a Unidade de Investigación en Vacinas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. O encontro foi inaugurado onte na tarde polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo.
Os días 22 e 23 de novembro máis de 500 expertos mundiais en infectoloxía e vacinas debaterán neste foro internacional de discusión e traballo sobre vacinas e enfermidades infecciosas, coordinado por Federico Martinón e auspiciado pola Sociedade Europea de Infectoloxía Pediátrica.
Robb Butler, responsable ata hai dous meses da división de vacinas da Organización Mundial da Saúde e agora líder global da iniciativa de UNICEF, OMS, CDC americano e Fundación Gates para a creación dun eixo estratéxico inter-axencias sobre demanda e aceptación vacinais, falará dos determinantes da aceptación e rexeitamento das vacinas desde a perspectiva das ciencias sociais.
O Profesor Adolfo García-Sastre, director do Instituto de Saúde Global e Patóxenos Emerxentes na Escola de Medicina Icahn Mount Sinai en New York, e experto mundial en gripe, informará dos últimos avances no camiño cara a unha vacina universal fronte a este virus.
O Profesor Adam Finn, presidente da Sociedade Europea de Infectoloxía, abordará as propiedades heterólogas das vacinas, é dicir, os efectos non esperados positivos fronte a outras enfermidades distintas das que motivaron o desenvolvemento desa vacina.
Pola súa banda, Federico Martinón, Antonio Salas e Jose Gomez Rial, do equipo GENVIP, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, presentarán os seus últimos datos relativos á infectómica, e o papel da xenética na explicación do risco individual a padecer infeccións, así como sobre a identificación específica dos microorganismos baseándose na resposta do organismo á infección.
O Dr Shamez Ladhani, infectologo pediátrico e actual responsable da unidade de vixilancia epidemiolóxica pediátrica británica, desvelará en primicia os resultados da experiencia da aplicación no Reino Unido da vacina de meningococo B e ACWY, que se administran como parte do calendario vacínal sistemático.
Estará de novo en Santiago o Profesor Rino Rappuoli, un dos vacunologos máis eminentes do noso tempo, inventor da vacunoloxía reversa, e entre outras, da vacina fronte a meningococo B, e que falará do futuro da vacunoloxía e a denominada vacunómica, ou aplicación da bioloxía de sistemas no desenvolvemento da seguinte xeración de vacinas.
Tambien estará o Profesor Timo Vesikari, da Universidade de Tampere, para conta as últimas novidades e próximos retos da vacinación fronte a rotavirus, e o Profesor Carlos Martin Montañes, inventor da vacina fronte a tuberculose MTBVAC, que se fabrica en Galicia, e candidato destacado na carreira por resolver o problema da tuberculose no mundo.
Xavi Bosch, líder mundial no campo do virus papiloma humano, explicará o plan para a eliminación do cancro de pescozo de útero no mundo a través da vacinación fronte ao virus papiloma.