miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Audiencia de Ourense condena a un pai e os seus dos fillos con cinco anos de cárcere por tirotear a dous familiares no Hospital de Ourense

A Audiencia de Ourense condena a un pai e os seus dos fillos con cinco anos de cárcere por tirotear a dous familiares no Hospital de Ourense
A Audiencia de Ourense condena a un pai e os seus dos fillos con cinco anos de cárcere por tirotear a dous familiares no Hospital de Ourense

A Audiencia destaca na sentenza que non había presenza policial na zona e que as vítimas carecían de armas, polo que se limitaron a protexerse

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a cinco anos de cárcere a un pai e os seus dous fillos por tirotear a un home e o seu fillo, cos que mantiñan enfrontamentos familiares, na porta do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) o 15 de maio de 2016. 

O tribunal, que tivo en conta a atenuante de reparación do dano, impúxolle a cada un dos tres acusados catro anos de prisión por cometer dous delitos de lesións agravadas por uso de armas; seis meses por un delito de tenencia ilícita de armas; e medio ano por un delito de desordes públicos. Tamén foron castigados como autores dun delito continuado de danos, polo que deberán abonar unha multa de 540 euros.

Os maxistrados absolven aos tres sospeitosos do delito de homicidio tentado do que os acusaba a Fiscalía porque sosteñen que “a pesar da idoneidade dos medios empregados”, é dicir, dúas escopetas e un rifle, o “fatal resultado” non chegou a producirse porque os acusados decidiron “poñer fin a súa acción”. A Audiencia destaca na sentenza que non había presenza policial na zona e que as vítimas carecían de armas, polo que se limitaron a protexerse.

“Cabe concluír que os acusados voluntariamente decidiron non culminar a agresión cun remate mortal, un aspecto co que coinciden todas as testemuñas cando afirman que de súpeto cesaron os disparos e marcharon”, subliñan os xuíces.

A sala considera acreditado que os tres sospeitosos se desprazaron nun vehículo á zona e, ao chegar, comezaron a disparar balas, perdigóns e postas “de maneira indiscriminada” contra a porta do complexo hospitalario, lugar onde se atopaban os lesionados. O tribunal sinala que no centro se achaba “un número non determinado de persoal sanitario e de familiares de pacientes, que poderían ter sido alcanzados”. 

O persoal do CHUO, ante a situación de “medo”, colocou un dispensador de bebidas na porta “a modo de escudo protector”. Os once disparos que realizaron os condenados causaron danos nos dous turismos estacionados detrás dos que se protexeron as vítimas, na fachada e na porta do edificio. 

A Audiencia subliña que se produciu “unha situación de pánico xeneralizado”. Un dos afectados foi alcanzado polos perdigóns na cabeza, pescozo e ombreiro dereito; e, o segundo, nas costas e na perna dereita.

A Audiencia absolveu aos outros tres coacusados, un home e os seus dous fillos, ao non quedar acreditado que portasen armas de fogo reais e efectuasen tiros. O tribunal basea o seu fallo nas declaracións das testemuñas e na dun axente fóra de servizo que presenciou os feitos desde a xanela do seu domicilio. Os tres sospeitosos foron absoltos dos delitos de homicidio tentado, desordes públicos, tenencia ilícita de armas, atentado e ameazas que lles imputaba a Fiscalía.

O tribunal ordena na sentenza que se investiguen as declaracións ofrecidas por oito persoas, entre as que figura o vixiante de seguridade do hospital, por se incorresen nun delito de falso testemuño. “Todo este cambio radical de postura que decidiron manter no plenario as testemuñas, todas elas relacionadas familiarmente en maior ou menor medida cos acusados, xustifícase polo feito do cambio de circunstancias, que non é outro que o tornarse, as antes malas relacións familiares, en boas e cordiais”, indican os maxistrados, quen tamén subliñan que prescinden das declaracións do vixiante de seguridade ao ser “contraditas polo conxunto probatorio”.

Comentarios
Lo más