"Regueifesta é Patrimonio: a regueifa e a festa como patrimonio da xente nova" chega á Biblioteca Ánxel Casal
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle, no marco da súa programación de novembro, o Proxecto "Regueifesta é Patrimonio: a regueifa e a festa como patrimonio da xente nova" que terá lugar hoxe xoves 22 de novembro ás 17:30 horas no salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
Este ano participarán o alumnado regueifeiro dos IES Maximino Romero de Lema, de Baio, o Marco do Cambalhom, de Vila de Cruces e as Regueifeiras da Escola Semente. Será o acto de presentación da Regueifesta 2018-2019 e anunciarase a programación deste ano que adicará especial atención ao patrimonio inmaterial e ao recoñecemento ao traballo do escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo Antonio Fraguas Fraguas a quen se lle adica o Día das Letras Galegas 2019.
A Regueifesta é unha iniciativa de normalización lingüística impulsada polos IES Maximino Romero de Lema, de Baio e Marco do Cambalhom, de Vila de Cruces e coordinado polos profesores Manolo Maseda e Sechu Sende, na procura da dinamización da lingua e a música a través da popularización da regueifa entre a xente máis nova.
O seu obxectivo é impulsar a regueifa como instrumento para desenvolver habilidades lingüísticas, recurso para estimular a creación musical e para o tempo libre da mocidade. Ademáis, dado que se orixina no contexto educativo, tamén busca a creación dun proceso innovador de participación da Comunidade Escolar no coñecemento, valoración e práctica da regueifa como impulso da normalización lingüística.