Paco Reyes interpela a CA sobre cuestións relacionadas cos centros socioculturais
Fixo mención ao recente xuízo de tres extraballadoras dos centros e ao expediente aberto ao antigo xefe de servizo.
O voceiro socialista, Paco Reyes, compareceu en rolda de prensa para reclamar a Compostela Aberta información sobre o recente xuízo a tres traballadoras dos centros socioculturais despedidas o pasado mes de maio. Asemade, solicitoulle acceso ao expediente aberto ao xefe de servizo destes centros, que contaba cun informe de conclusión que non foi pechado polo alcalde, motivo polo cal prescribiu, pero que dá opción a que sexa aberto novamente. Para rematar, dirixiuse ao Goberno local para preguntarlle se respondeu o escrito que hai cinco meses presentou o comité de Ferrovial, onde denunciaban unha serie de irregularidades na xestión dos centros que os levou a mobilizarse.
Sobre a primeira cuestión, Reyes explicou que hai quince días que se celebrou un xuízo por cesión ilegal debido á denuncia que tres extraballadoras dos centros socioculturais presentaron por este motivo contra o Concello en maio de 2017. O xuízo non foi celebrado, xa que o Concello deu a razón ás tres extraballadoras, que foran despedidas en maio de 2018 (coa posterior denuncia por despido nulo) e que agora pasarán a formar parte da plantilla municipal.
Neste contexto, o concelleiro socialista pediu explicacións ao Goberno municipal sobre o seu proceder, pois a existencia dun informe de cesión ilegal debería implicar accións para modificar o RPT e solucionar a situación, e preguntouse se a súa pasividade non sería “unha posible presunta prevaricación”.
Sobre o expediente aberto ao xefe de servizo dos centros socioculturais, Reyes lembrou que se chegou a presentar unha denuncia ante a Fiscalía que foi arquivada e que o expediente ten un informe de conclusión que “non foi pechado polo alcalde, que permitiu que prescribira”. A este respecto, preguntouse novamente se o feito do xefe de servizo ser candidato do PSOE á alcaldía doutro Concello tería algo que ver con que non se pechara o expediente.