A peza de teatro "Invisibles" represéntase na Casa da Cultura do Milladoiro
Terá lugar o venres 23 de novembro ás 21:00 horas
Chega a O Milladoiro a peza teatral Invisibles da man de Redrum Teatro. Dirixido a maiores de doce anos debido á crudeza dalgunhas das situacións, trátase dun espactáculo de creación colectiva que parte da novela homónima de Montse Fajardo, para presentar ante o público varias historias reais de mulleres galegas unidas pola crueldade da violencia de xénero.
Como prólogo, a asesora xurídica do CIM de Ames, Maite Arufe, presentará a Sheyla Casal, que será a encargada de realizar unha pequena charla na que contextualizará a obra e falará de como xurdiu. Esta actividade forma parte dunha serie de accións organizadas pola Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade durante a campaña Ames en Negro, co obxectivo de cocncienciar sobre a violencia de xénero.
A obra está dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Mela Casal, Sheyla Casal e Nieves Rodríguez. A través destas historias buscarase poñer sobre a mesa a inexistencia dun perfil común entre as vítimas deste tipo de violencia e, por outra banda, denunciar a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade.
O espectáculo terá lugar o venres 23 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas para asistir a Invisibles xa están dispoñibles a través da billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de cinco euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.