miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Goberno local denega unha bolsa de comedor a unha familia que non supera os 11.000 euros anuais

O Goberno local denega unha bolsa de comedor a unha familia que non supera os 11.000 euros anuais
Foto de arquivo
O Goberno local denega unha bolsa de comedor a unha familia que non supera os 11.000 euros anuais

A nai, Eugenia Castro, reclama que os datos fiscais tomados como referencia son os de 2016 e considera ese proceder "inxusto".

Unha nai de Compostela denuncia que o Goberno municipal deixou sen bolsa para comedor ás súas dúas fillas a pesar de que os ingresos da familia non superan os 11.000 euros anuais. A muller, Eugenia Castro, que padece unha discapacidade do 33%, é a única dos catro membros da familia que ten traballo actualmente, mentres que o seu marido está desempregado desde hai dous anos. 


O motivo da negativa do Concello a conceder a bolsa, sostén Eugenia, é que os datos fiscais tomados como referencia son os de 2016, ano en que o seu marido traballou e ingresou 22.000 euros. Debido a esta circunstancia, este ano a familia obtivo 8 puntos dos 10 necesarios para ser beneficiaria da bolsa, pero se tivesen en conta os ingresos de 2017 atinxiría os 12 puntos e a bolsa seríalle concedida. No caso de considerarse a situación actual, a puntuación aumentaría aos 14 puntos. De feito, a familia foi beneficiaria desta bolsa en anos anteriores, cando a familia gozaba dunha mellor situación economica, e tamén o ano pasado, cando os ingresos declarados eran os mesmos que agora.

A familia considera que este proceder é "inxusto", xa que existe un exercicio máis recente para establecer a súa situación económica real actual, e reclaman que se revisen as bases ou que se estableza un sistema de corrección, como contemplar a posibilidade de alegar perda da capacidade económica para optar ás bolsas. Esa foi a opción á que recurriu Eugenia para acceder ás bolsas o ano pasado, pero este ano xa non se contempla esa opción. 

As listas definitivas oficias ainda están pendentes de aprobación no próximo pleno, pero o caso de Eugenia xa figura rexeitado nas listas provisionais. En consecuencia, esta nai presentou as correspondentes reclamacións e ata solicitou unha audiencia co alcalde, Martiño Noriega, pero por agora só obtivo o silencio como resposta. Tamén se debatiron no Pleno municipal unha moción de urxencia dos Socialistas e un rogo do BNG sobre esta cuestión, que recibiron a abstención de Compostela Aberta. 

A raíz da polémica xurdida entorno a este caso, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, recomendou á familia de Eugenia Castro que solicitase a Garantía Básica nos Servizo Sociais do Concello, pero a cita marcada non terá lugar ata o vindeiro 12 de decembro. 

Mentres tanto, Eugenia xa recibiu o primeiro recibo de comedor, correspondente ao mes de setembro, por valor de 180 euros, 90 euros por cada unha das súas fillas, do que afirma que non pode facerse cargo.

Comentarios
Lo más