miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ames acollerá as VIII Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero

Ames acollerá as VIII Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero
Ames acollerá as VIII Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero

Terán lugar o xoves 22 de novembro durante todo o día na Casa da Cultura de Milladoiro.

No marco da campaña Ames en Negro, desenvolvida con motivo do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames organiza o vindeiro xoves a oitava edición das Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Milladoiro e consistirá en dúas conferencias, dúas mesas de debate e seis obradoiros.

Despois do acto de inauguración institucional, previsto para as 09:00 horas, terá lugar a primeira mesa de debate sobre O consentimento, o acceso ao corpo das mulleres e os desequilibrios de poder, na que intervirán a doutora en medicina e profesora do postgrao de Xénero Uvigo Lola Ferreiro, a activista e avogada feminista Sandra Garrido e a educadora do Programa Vagalume Tatiana Conde Gómez.

A continuación celebrarase a conferencia A desigualdade aprendida: causas, consecuencias e estratexias, impartida pola socióloga e investigadora Amparo Tomé. Após un pequeno descanso, comezará a segunda mesa de debate sobre a Actualidade e retos do feminismo, que contará coa participación da responsable de Intermón Oxfam Galicia, Maika Beltrán, a integrante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Isabel Quintairos e a escritora e gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2018 Antía Yáñez.

Para finalizar a sesión da mañá, celebrarase unha última conferencia titulada Da loca do ex á loca do ático cando as nosas emocións desgustan ao patriarcado, que será ofrecida pola xornalista, redactora de BuzzFeed España e coordinadora da sección feminista dese mesmo medio, Beatriz Serrano Molina.

Xa pola tarde, o público asistente poderá escoller dous dos seis obradoiros programados. Na primeira quenda, as opcións dispoñibles son Habilidades emocionais: pequenas accións, grandes cambios, Mindfullnes: Regulación do estrés e a ansiedade e Ferramentas para a coeducación. Na segunda quenda, as propostas son As redes sociais e o desenvolvemento en adolescentes, Como mellorar a nosa comunicación: a fiestra de Johari e Corporalidade e benestar.

As xornadas pecharanse cunha actuación artística, que correrá a cargo da Compañía de danza Kintsugi.

As VIII Xornadas Acércate, abertas a todo o público interesado, ten prazas limitadas, de maneira que se recomenda a inscrición previa na páxina web www.acercateaigualdade.com.

Comentarios
Lo más