Ribeira conmemora o 25N cunha ampla axenda de eventos
A programación inclúe actividades nos centros escolares, obradoiros para a mocidade, accións nos comercios e festivais, entre outras.
O Concello de Ribeira conmemorará o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero cunha programación formada por unha decena de eventos de diverso tipo, que inclúen actividades nos centros escolares, obradoiros para a mocidade, actos institucionais, accións nos comercios, cursos de autodefensa e empoderamento para mulleres e festivais.
A axenda inaugurarase o xoves 22 coa función de teatro educativo Vestido de Voda, dirixida a estudantes de 4º de ESO, que terá lugar no Auditorio entre as 10:00 e as 13:30 horas.
Na xornada do sábado 24, o Pavillón da Fieiteira acollerá por segundo ano o curso de autodefensa persoal para mulleres en horario de mañá (10:00 a 14:00 horas) e de tarde (16:00 a 20:00 horas). O mesmo día, a partir das 19:00 horas no Espazo Xuvenil do Mercado, terá lugar un Obradoiro de Rap en contra das Violencias Machistas para rapaces e rapazas dos 14 aos 19 anos.
Xa no propio 25 de novembro, ás 13:00 horas, inaugurarase un monolito dedicado ás vítimas da violencia de xénero por iniciativa da asociación Mulleres en Acción en colaboración co Concello. Ás 19:00 horas celebrarase no Auditorio o Festival Violeta, consistente nun monólogo cómico a cargo de Diana Sieira e unha actuación do grupo musical Las Antonias.
No marco desta conmemoración, o luns 26 o Pleno municipal someterá a aprobación o III Plan Municipal de Igualdade entre Mulleres e Homes, que pretende marcar as pautas de actuación municipal neste ámbito de 2019 a 2024.
Finalmente, o martes 27 o colexio Bayón acollerá unha charla sobre violencia machista e os días 28 e 29 desenvolverase un obradoiro afectivo-sexual entre alumnos de 1º de Bacharelato de diferentes centros escolares.
Como parte da iniciativa, o Concello de Ribeira distribuirá lazos violetas entre os comerciantes da vila para darlles a posibilidade de mostrar o seu rexeitamento á violencia de xénero.
Ademais da programación específica do Concello, o Centro de Información á Muller (CIM) de Ribeira celebra desde o pasado día 6 de novembro un curso de autoestima e empoderamento para mulleres.