O Santiago Futsal volve a vestir de negro no vindeiro partido da Liga
Vestirán cun equipamento negro feito especialmente para o encontro do domingo ante Rivas Futsal (12:30 horas, Santa Isabel)
Con motivo da campaña de concienciación social “En Negro Contra As Violencias” que o Concello de Santiago de Compostela, e outros moitos municipios galegos, desenvolven coincidindo co día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller o vindeiro domingo día 25 de Novembro, o Santiago Futsal vestirá de negro o seu partido da 11ª Xornada de Liga. O club santiagués, un ano máis, colabora coa devandita campaña como mostra do seu rexeitamento aos actos de violencia machista.
O plantel vestirá cunha indumentaria de xogo de cor negra, feita expresamente para o encontro que o Santiago Futsal disputará esta xornada deportiva en Santa Isabel o domingo ás 12:30 horas; coincidindo co día internacional da Non Violencia contra a muller. Ademais, as mulleres accederán de balde ao encontro contra Rivas Futsal sen necesidade de comprar entrada nin pasar despacho de billetes. O club tamén anima a todos os seguidores a que asistan ao encontro portando vestimenta negra.
No plano deportivo, o persoal retomará o martes pola tarde as sesións de traballo tras sufrir unha dolorosa derrota en Gran Canaria FS por 7-6 o pasado sábado. A pesares da ampla conta goleadora do equipo santiagués nas illas, o encontro decidiuse pola mínima e nos instantes finais. O domingo ante Rivas Futsal terán unha nova oportunidade para recuperar a senda da vitoria.