Os populares de Santiago publican un díptico e vídeo sobre as carencias das zonas de San Lourenzo e Carme de Abaixo
As reclamacións veciñais van desde a seguridade viaria, o control urbanístico, a mellora ambiental e a convivencia, entre outras
Os populars de Santiago acaban de publicar un díptico informativo sobre as carencias existentes na zona de San Lourenzo e Carme de Abaixo, onde os veciños levan anos reclamando melloras en distintas materias.
Como xa fixera cos barrios de Vite e Fontiñas, o grupo que dirixe Agustín Hernández quixo facer público todas as deficiencias desta zona, co fin de que o Goberno que dirixe Martiño Noriega "teña a ben buscarlle unha solución a todas elas e non se manteña, como ata o de agora, ás costas das reclamacións dos habitantes desta área de Santiago", afirma o grupo municipal popular.
As reclamacións veciñais van desde a seguridade viaria, o control urbanístico, a mellora ambiental e a convivencia, entre outras. Esta zona "sofre moitas carencias en servizos básicos, sobre todo no ámbito da mobilidade, posto que sofre altos índices de tráfico, xa que se atopa moi preto do Campus Sur, con dous centros de ensino e instalacións sanitarias, e tamén do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), polo que se fai imprescindible que se executen pasos elevados, cambios de bolardos nas rúas Poza de Bar e San Lourenzo e regulación do aparcamento" aseguran na publicación.
Por outra banda, os veciños tamén denuncian problemas de convivencia, debido á proliferación de ruídos nocturnos, pintadas, concentracións na carballeira e problemas de aparcamento en zonas non habilitadas.
Para os populares é "totalmente incomprensible" o desgaste que está a sufrir a Carballeira de San Lourenzo, que precisa que se leven a cabo "tarefas de conservación e reposición para garantir a vitalidade deste histórico e emblemático lugar".
Finalmente, o grupo municipal popular tamén pon atención en varias columnas de ferro que atravesan propiedades que noutrora soportaban o tendido electrónico e que agora está totalmente inservibles.