A Universidade celebra a I Feira de Innovación USC-ABANCA
A inscrición está aberta a través da páxina web da USC.
A Universidade de Santiago de Compostela celebrará os próximos días 27 e 28 de novembro a I Feira de Innovación USC-ABANCA para achegar á cidadanía a súa oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento.
A asistencia á feira, se ben é gratuíta ata completar aforo, está suxeita a inscrición a través da páxina web da Universidade. Por agora está confirmada a asistencia de máis de 1.000 estudantes de bacharelato de toda Galicia, que asistirán a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D...), presentacións de spin-offs e patentes xurdidas na USC, obradoiros de emprendemento e outras actividades.
A Feira inclúe a III edición do Campus ABANCA, un concurso dirixido a estudantes universitarios e de bacharelato que teñan unha idea de negocio ou proxecto e desexen mellorar as súas competencias para emprender nas profesións do futuro. A inscrición ao concurso está aberta ata o vindeiro día 21 de novembro.