O pleno municipal aproba un investimento de 620.000 euros para a mellora de estradas municipais
O acordo foi tomado por unanimidade nunha sesión extraordinaria e urxente.
O pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade, nunha sesión extraordinaria e urxente, un expediente de modificación de crétidos para realizar un investimento de 624.462,35 euros na mellora do pavimento de seis estradas de titularidade municipal.
Segundo explicou o alcalde da localidade, José Luis García, é o maior investimento feito en Brión con fondos municipais debido á boa situación económica da que goza o Concello. A razón da urxencia de utilizar o remanente para mellorar as estradas de máis tráfico do municipio ten que ver coa necesidade de que as obras comecen este ano e rematen o ano que vén, pois teñen un prazo de execución de tres meses.
En concreto, serán arranxados camiños e estradas que pasan por Mourentáns, Pousada de Abaixo, Forxán, A Igrexa, Vioxo, Tourís, San Salvador, Outeiro, Ons, Salaño Grande, Bemil, Soutullos e Bastavaliños. As obras consistirán na mellora do firma, na construción de lombos onde proceda, na reparación de fochancas, na limpeza de cunetas e na reposición de sinalización horizontal e vertical.