miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Chega á Cidade da Cultura a xornada final do programa Tech Kids

Chega á Cidade da Cultura a xornada final do programa Tech Kids
Chega á Cidade da Cultura a xornada final do programa Tech Kids

A xornada consistirá nunha xincana tecnolóxica que dará comezo ás 11:00 horas.

Arredor de 200 rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos participarán este domingo na xornada final do programa Tech Kids, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O evento terá lugar a partir das 11:00 horas no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

A xornada consistirá nunha xincana tecnolóxica dividida en tres sets independentes. No set de video mapping interactivo, os participantes poderán controlar diferentes figuras xeométricas e organizalas de maneira que se mostre a proxección resultante, en tempo real e sen ningún dispositivo. O set do panel de chroma key consiste en colocar os participantes diante dun fondo verde que os coloque nun escenario proxectado nunha parede a tempo real. Finalmente, no set de jam musical, os rapaces e rapazas poderán utilizar un sistema informático de música en directo pensado para ata tres participantes.

Haberá ademais varios talleres teórico-prácticos de drons, e o propio evento será gravado cun dron coa intención de realizar un vídeo promocional que poña o broche ao evento.

A xornada contará tamén cunha conferencia sobre Mundos dixitais, impartida polo director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o cofundador da produtora audiovisual Ilusorium Studios, Raúl Rocha. 

Comentarios
Lo más