Adxudicadas as obras da rúa da Batalla de Clavijo
Serán destinados case 360.000 euros de fondos europeos.
A Xunta de Goberno do Concello de Santiago adxudicou as obras de renovación da rúa da Batalla de Clavijo e a da escalinata de Bispo Teodomiro. A empresa Alcomte Galicia será a encargada de levar a cabo o proxecto nun prazo de seis meses, ao que se destinarán case 360.000 euros dos fondos europeos do programa ReVive Edusi-Santiago.
Segundo explicou a tenente de alcalde, María Rozas, as rúas atópanse "en mal estado de conservación, tanto na zona do tránsito peonil como na calzada", e apuntou que tamén son necesarias "a reordenación do aparcamento e a renovación das instalacións urbanas".
Estas obras permitirán resolver os problemas existentes e paliar as barreiras arquitectónicas derivadas da pendente, eliminando o menor número posible de prazas de aparcamento. Está previsto que o proxecto se complete cunha Fase II que afectará á rúa de Puente la Reina e ás escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa, que se financiará con fondos municipais.