O persoal dos centros socioculturais concentrarase o luns diante do Pazo de Raxoi
Inician unha campaña de mobilizacións que culminará nunha xornada de folga o próximo 29 de novembro.
Os traballadores e traballadoras dos centros socioculturais de Compostela, xestionados pola empresa Ferrovial, inician esta semana unha campaña de mobilizacións por unhas condicións laborais dignas que culminará nunha xornada de folga no servizo convocada para o vindeiro día 29 de novembro. Como primeiro acto de protesta, o próximo luns día 19 concentraranse ás 11:00 horas diante do Pazo de Raxoi para facerlle chegar ao Goberno municipal as súas esixencias.
O persoal dos centros cívicos denuncia a crecente precarización do servizo e das condicións laborais, caracterizada polo recorte de dereitos, a ausencia de promocións, a redución do salario base ou a existencia dunha dobre escala salarial. Tamén denuncian a redución de persoal a 20 persoas, o que xera desorganización, presións e despedimentos.
Por todo iso, esixen un convenio colectivo que respecte as condicións salariais e laborais en igualdade e remate coa precariedade promovendo a estabilidade no emprego e eliminando as presións ás que Ferrovial somete aos traballadores. Asemade, demandan ao Concello de Santiago unha "implicación real e efectiva neste conflito", pois a situación non só afecta ao persoal dos centros socioculturais, senón a toda a cidadanía.