Sae adiante a comisión para o estudo da municipalización do servizo da auga
A proposta para a creación desta comisión para estudar a xestión da auga volveu ao Pleno de novembro, despois de que se incorporaran novos membros ao órgano en relación á proposta inicial debatida o mes pasado
O Pleno da Corporación aprobou onte a creación dunha comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. A proposta saíu adiante cos votos a favor de Compostela Aberta e o BNG, mentres que PP e PSOE optaron pola abstención.
A proposta para a creación desta comisión para estudar a xestión da auga volveu ao Pleno de novembro, despois de que se incorporaran novos membros ao órgano en relación á proposta inicial debatida o mes pasado.
Así, da comisión formarán parte o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, a concelleira de Facenda e Persoal, dous representantes do PP, un do PSOE e un do BNG; o interventor municipal, o secretario do concello, os directores das áreas de Urbanismo, Facenda e Persoal e Asesoría Xurídica; os xefes dos servizos de Contratación, Persoal e Saneamento, e o economista da Oficina Orzamentaria.
Ademais, o órgano contará coa asistencia de calquera outro persoal técnico do Concello, así como do asesoramento externo que se considere necesario.
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, encargado de defender a proposta, lembrou que "o servizo da auga leva 34 anos sendo xestionado pola mesma empresas, e neste tempo houbo mudanzas lexislativas, crises económicas, cambios na estrutura da cidade...".
Xan Duro mostrouse convencido de que "é o momento de parar e reflexionar sobre a xestión dun servizo tan esencial como o do ciclo da auga, que ten repercusións moi directas sobre a vida da cidadanía".