CCOO denuncia a intención da Xerencia da área sanitaria de Santiago de recortar recursos na unidade de paliativos do Gil Casares
CCOO denuncia a mingua que se vai producir na atención aos doentes e asegura que xa se están a rexistrar escritos de queixa de persoas usuarias e familiares
A sección sindical de CCOO-Sanidade no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) anuncia que xa comezan os recortes de recursos para a Unidade de Media Estancia (UME) e de Paliativos do Hospital Gil Casares. Os ditos recortes xa foran anticipados polo sindicato a finais de setembro, mais a Xerencia da área sanitaria santiaguesa negábao.
Agora, nunha xuntanza que tivo lugar o pasado día 12, o persoal foi informado do proxecto de reestruturación destas unidades. De agora en diante, desaparece a UME, Paliativos quedará con só vinte camas e haberá tamén unha reorganización das camas de Dermatoloxía. Segundo CCOO, isto significa que tamén se vai reducir o persoal en seis persoas, concretamente catro enfermeiros ou enfermeiras e dous técnicos en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE).
Queixas das persoas usuarias
A sección sindical de CCOO-Sanidade lamenta que isto representará unha mingua na atención aos docentes, con repercusións na calidade dos coidados. A situación será especialmente preocupante na quenda de noite, xa que os doentes serán atendidas por unha única persoa. Segundo CCOO, isto xa está a xerar malestar entre as persoas usuarias e os seus familiares, ata o punto de que «temos constancia da presentación de varios escritos de queixa».
Atención durante a «fase final da vida»
A mediados do mes de outubro, as traballadoras e traballadores do servizo xa lle entregaran á Xerencia un escrito, avalado polo xefe do servizo, lembrando que «tanto os pacientes como as familias, ante unha situación de fase final da vida, precisan dunha constante e permanente atención por parte do persoal de enfermaría, posto que é unha situación de grande demanda que non se pode desatender de ningunha maneira».