Os populares preguntarán no pleno de hoxe sobre as cámaras de vixilancia da cidade
Entre estas instalacións figura, concretamente, unha na praza do Toural, que ofrece a posibilidade de tomar e gravar imaxes desde distintas posicións
O Grupo Municipal Popular preguntará ao Goberno de Martiño Noriega no Pleno ordinario que se celebrará hoxe xoves sobre a situación das cámaras de videovixilancia da cidade.
Entre estas instalacións figura, concretamente, unha na praza do Toural, que ofrece a posibilidade de tomar e gravar imaxes desde distintas posicións, pero polo que parece, neste momento, ningunha delas semella poder enfocar e gravar claramente a zona final da Rúa do Vilar, a máis próxima ao Toural, onde se están a producir incidentes que afectan á convivencia e mesmamente a seguridade cidadá.
De maneira periódica, o concelleiro delegado de Medio Ambiente e Convivencia solicítalle á Delegación do Goberno en Galicia permiso -ou renovación de permiso- para manter en funcionamento as cámaras de videovixilancia na cidade. Fíxoo por última vez a finais de xullo deste ano.
Os Populares amósanse sorprendidos polo feito de que, entre as diversas cámaras instaladas, non figura ningunha en zonas da cidade onde si se están a producir reiteradamente comportamentos e accións ilícitas. Unha situación que resulta polo menos chamativa, xa que o sistema de videovixilancia non está a disuadir comportamentos ilícitos -ou non os grava para posteriormente esixir as correspondentes responsabilidades.
Para que a situación resulte máis pintoresca, o Goberno de Martiño Noriega mantén en zonas máis seguras un sistema de videovixilancia que enfoca e grava a cidadáns en situacións cotiás e absolutamente cívicas.
A tenor desta situación, o grupo que dirixe Agustín Hernández querería coñecer se o Goberno de Compostela Aberta ten pensado modificar o sistema actual, para que estas cámaras se centren nos espazos de maiores incidentes, como é o caso, entre outros, que reiteramos da confluencia entre a Rúa do Vilar e o Toural.
Así mesmo, o Partido Popular quere información sobre se o Grupo de CA ten revisado ditas imaxes dos últimos meses, co fin de proceder de forma oportuna no caso que aparezan probas dos actos ilícitos que tanto ten denunciado o Grupo Municipal Popular.