Proxéctase a ampliación de prazas de aparcamento na zona de Labarta
O Concello de Noia e Portos de Galicia están a traballar conxuntamente para habilitar un novo aparcadoiro público na zona de Labarta, que se uniría á ampliación xa prevista do actual ecoparking.
O rexedor municipal, Santiago Freire, explicou que xa está a traballar con Portos de Galicia no proxecto do aparcadoiro de Labarta, que se uniría á ampliación e mellora do ecoparking, onde pretenden emprazar unha zona para caravanas. Ademais, o Concello ten previstas outras actuacións en rúas da zona. Estas tres iniciativas levaranse a cabo co obxectivo de habilitar máis de 120 prazas de estacionamento na zona.
Sobre as melloras no ecoparking, Freire explicou que en Noia só existe actualmente unha área de servizo con 20 prazas para autocaravanas, situada a 1,5 kilómetros do centro urbano, mentres que o Concello traballa en habilitar unha no centro da vila.