Filosofía celebra o seu Día Internacional
O propósito deste evento é difundir a importancia da reflexión sobre os problemas actuais e as cuestións máis fundamentais, en definitivo a relevancia da Filosofía
Con motivo da celebración hoxe xoves 15 do Día Mundial da Filosofía, a Facultade de Filosofía da USC organiza por cuarto ano consecutivo unha serie de iniciativas co lema ‘Filosofía na rúa’ organizadas por estudantado e profesorado do centro. O propósito deste evento é difundir a importancia da reflexión sobre os problemas actuais e as cuestións máis fundamentais, en definitivo a relevancia da Filosofía.
Hoxe xoves 15, no Café Airas Nunes (rúa do Vilar 17) a mesa redonda ‘A filosofía como ferramenta para unha educación feminista’ reunirá a Zeltia Laya, profesora de filosofía do Colexio Fingoi Lugo; María Xosé Agra, profesora de Filosofía da USC; e a Nieves Herrero, profesora de Antropoloxía da USC.
A programación continuará á semana seguinte coa celebración o martes 20 dunha charla sobre ‘A ética animal actual e o conflito coas éticas ambientais’ impartida por Lucía Cebreiro, estudante de Filosofía da USC; a quen seguirá Xavier de Donato, profesor do mesmo centro compostelá co tema ‘Zombis filosóficos’. O ciclo de actividades concluirá o xoves 22 coa pedagoga María Benito Sicilia e a estudante de Filosofía da USC Paula Castrillón Dorna, falando sobre ‘Disciplina e autoridade na educación: situación actual e perspectivas pedagóxicas’.