miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Biblioteca Ánxel Casal acolle unha charla sobre a construcción de Santiago

A Biblioteca Ánxel Casal acolle unha charla sobre a construcción de Santiago
A Biblioteca Ánxel Casal acolle unha charla sobre a construcción de Santiago

Unha pequena viaxe no tempo pola cidade que se foi construíndo ata chegar á que é hoxe

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle a charla Lugar ben edificado: unha viaxe no tempo polos oficios que construíron Compostela que pronunciará Mercedes Gualteria Pintos hoxe xoves 15 de novembro ás 19:30 horas no salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

A charla é un percorrido pola historia de Compostela a través dos personaxes do libro de Mercedes Pintos, Picheleir@s que recolle a maioría de oficios e profesións, moitos xa desaparecidos, que tiveron protagonismo na cidade desde a Idade Media ata a actualidade. Unha pequena viaxe no tempo pola cidade que se foi construíndo ata chegar á que é hoxe.

Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, compostelá e historiadora da arte é autora de tres libros que xiran sobre a nosa cidade: A lume lento: cen anos de hostalería en Compostela (Consorcio, 1999); Aldonza de Praterías (Xerais, 2009) no que a adúltera sentada nesa porta da Catedral vai debullando as súas lembranzas e Picheleir@s (Consorcio, 2014) que é unha homenaxe aos homes e mulleres que co seu esforzo contribuíron a crear esta cidade eterna, Patrimonio da Humanidade. Tamén colaborou noutros proxectos como o Ordo Prophetarum, drama litúrxico do século XII protagonizado pola serie estatuaria do Pórtico da Gloria.

Ademais, as persoas que acudan á biblioteca durante o mes de novembro poderán desfrutar da mostra bibliográfica “Compostela: xentes e lugares” e da exposición dos paneis cos debuxos realizados polo ilustrador galego Xulio Gayoso para o libro Picheleir@s que mostran diferentes personaxes reais de Compostela cos seus oficios. Estarán no vestíbulo e no salón de actos, respectivamente.

Comentarios
Lo más