miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O BNG pide atender as demandas da veciñanza e actuar no Parque Natural para revitalizalo

O BNG pide atender as demandas da veciñanza e actuar no Parque Natural para revitalizalo
O BNG pide atender as demandas da veciñanza e actuar no Parque Natural para revitalizalo

Os nacionalistas critican o desleixo dos gobernos do PP e propoñen actuacións inmediatas para revitalizar o Parque

O BNG ribeirense presentou alegacións ao Plan de Xestión e Usos do Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, os encargados de presentar publicamente as emendas foron os concelleiros Xosé Vázquez e Luís Pérez e o responsábel local de ecoloxismo Vicente Paz.

Desde o Bloque apuntan a que as alegacións realizadas responden ás históricas demandas feitas polo BNG e que pretenden mellorar un documento que chega “tarde, mal e arrastro” por tres razóns; chega tarde porque o documento debería estar aprobado pouco despois de protexerse a zona en 1992, chega mal porque o Plan de Ordenación Recursos Naturais (PORN) ao que está supeditado non está actualizado á lexislación vixente e chega arrastro porque nin tan sequera se falou coa veciñanza.

Para o concelleiro Luís Pérez, esta actuación “é a demostración práctica de que ao PP non lle interesa a natureza nin tampouco os problemas que lles provoca á veciñanza a falta deste importante documento”. Neste sentido, Pérez Barral argumenta que o BNG presentou alegacións que se poden resumir en 3 eixos fundamentais; máis investimentos para conservación da natureza, atención ás demandas veciñais e actuacións que rivitalicen a zona.

Pérez Barral, acusou tamén ao PP de esquecer as demandas veciñais e agora pretender enganar á veciñanza ao dicir a semana pasada que pediría que o PRUX atenda ao que establece o PXOM no tema urbanístico. “O señor Ruiz nunca se interesou polo Parque e demostra que ou non leu o documento porque o PRUX xa establece que se rexe polo plan xeral de ordenación municipal, por certo, desactualizado” esgrimiu o edil nacionalista.

O BNG disposto a revitalizar o Parque

O voceiro Xosé Vázquez ten claro que o Parque “debe ser un espazo de protección pero tamén de dinamización social e económica” e para conseguir este equilibrio propoñen actualizar o PORN, aumentar o número de gardas para regularizar as visitas ou implementar un plan investimentos que melloren a conservación da natureza coa eliminación de especies invasoras, con especial atención á sobrepoboación do xarabil ou do eucalipto.

Paralelo a isto, o BNG propón que se inclúan partidas económicas dirixidas ás persoas que son propietarias de terreos dentro da zona protexida que promova o cultivo terras, a apicultura, a silvicultura e outro tipo de actividades compatíbeis co entorno natural e que xeren riqueza. Por último, propoñen a creación dun selo de calidade que permita comercializar os produtos que se produzan no parque natural para identificalos como produtos ecolóxicos de gran calidade.

Comentarios
Lo más