Arrancan as obras para erradicar os vertidos nas augas residuais nos Mosqueiros
Todas as canalizacións irán soterradas en zanxa e os pavimentos serán repostos, ben con formigón ou ben aglomerado asfáltico dependendo da zona
O Concello de Ribeira informa do inicio das obras dirixidas á instalación dunha rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar dos Mosqueiros, en Castiñeiras, co obxecto de eliminar diversos vertidos de augas residuais que van directamente ao areal alí situado.
Operarios da empresa Nemesio Ordóñez son os encargados de efectuar esta actuación, consistente na colocación dunha rede formada por 175 metros de lonxitude de tubaxe de 315 milímetros de diámetro, 35 metros de tubaxe de 250 milímetros de diámetro e 9 pozos de rexistro.
A través destes colectores se conducirán as augas residuais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, no que se implantará un bombeo con dúas bombas mergulladas fixas de caudal unitario 3 m3/h. De aquí as augas impulsaranse a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade de 35 metros de lonxitude e 63 milímetros de diámetro ata a súa conexión coa rede xeral na estrada DP-7307.
Todas as canalizacións irán soterradas en zanxa e os pavimentos serán repostos, ben con formigón ou ben aglomerado asfáltico dependendo da zona.
A actuación implica un investimento de 43.983 euros, IVE incluído, e ten un prazo de execución de tres meses.
Regulación semafórica
Dado que parte das obras téñense que desenvolver na estrada DP-7307 impedindo o tráfico rodado por un dos dous carrís de circulación, dispúxose regulación semafórica no tramo afectado.