Condenados en Vigo e Pontevedra por permitir o absentismo escolar dos fillos
Unha nai de Vigo e un matrimonio de Pontevedra foron multados por non evitar as reiteradas faltas de asistencia a clase dos seus fillos.
Unha nai de Vigo e unha parella de Pontevedra foron condenadas a pagar candansúa multa polo reiterado absentismo escolar dos seus fillos menores de idade.
No caso da muller de Vigo, vítima de malos tratos e actualmente divorciada, a multa ascende a 720 euros por un delito de abandono de familia, resultado dos 72 días que permitiu que o seu fillo faltase á escola sen causa xustificada a pesar das advertencias da titora, do centro educativo e da Fiscalía de Menores. Foi o propio centro o que, pasados tres meses sen solución ao problema, abriu un expediente por absentismo escolar que rematou nos tribunais. A sentencia do caso recolle que a nai, que tiña a guarda e custodia do menor como media cautelar do seu divorcio, non adoptou as medidas necesarias para garantir que o seu fillo asistise ao centro onde cursaba terceiro de educación primaria.
Pola súa parte, o matrimonio pontevedrés foi condenado ao pago dunha multa de 840 euros por idéntico delito, ao considerarse acreditado que o rapaz, de 15 anos de idade cando aconteceron os feitos, sumou un total de 115 faltas de asistencia entre setembro e abril de 2016 sen que os pais xustificasen as ausencias ou puxesen medidas para evitalas.
Segundo explicou o presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial, permitir o absentismo escolar dos fillos supón un "incumprimento flagrante e patente dos deberes asistenciais", e acusa os proxenitores de presentar excusas que "carecen de todo soporte minimamente crible e verificable" que ademais non os eximirían de tomar medidas.