Lousame instala medidas de protección na estrada que une Fruíme e Escabia
O Concello de Lousame deu traslado á Deputación da Coruña de diversas incidencias rexistradas na CP-1103
O Concello de Lousame instalou todas as medidas de sinalización e protección precisas na estrada municipal entre Fruíme e Escabia, debido a un forte corremento de terras producido durante o temporal sufrido na madrugada do venres ao sábado. Un corremento que, se ben non afectou ao firme da estrada, si levou por diante gran parte da terra sobre a que se asenta o carril exterior da vía.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, desprazáronse esta mañá ata o lugar para analizar cos técnicos a situación. “Afortunadamente non temos que lamentar desgrazas persoais pero estivemos analizando a situación porque é necesario facer un proxecto urxente para arranxar a situación”, explica Villaverde Pais, quen indica que “nestes momentos o lugar está ben sinalizado e tentaremos de darlle a mellor solución técnica o máis pronto posible”. Mentres tanto, o tránsito por este lugar estará limitado a 40 km/hora e o carril exterior estará cortado nun tramo de dez metros.
Incidencias na CP-1103
Así mesmo, o Concello de Lousame deu traslado á Deputación da Coruña de diversas incidencias rexistradas na CP-1103. As fortes choivas caídas a semana pasada produciron importantes embalsamentos de auga nesta estrada provincial, especialmente nos tramos entre Comparada e Ponte Beluso e entre Xestoso e Aldarís, así como o derrubo dun talude nas proximidades de Burzó.
“Pedímoslles unha actuación urxente para solventar estes problemas a curto prazo e agardo que poidan quedar solucionados esta mesma tarde ou mañá”, explica Teresa Villaverde, quen tamén apunta que “despois haberá que analizar como evitar que se reproduzan estas incidencias e se é preciso facer algunha actuación no vial a maiores da limpeza das tajeas”.