O Concello traslada a Fomento a situación do tráfico no Milladoiro
Na reunión celebrada tratáronse temas como a restricción de paso de vehículos pesados ou a instalación de paneis informativos.
Unha delegación da Corporación municipal de Ames reuniuse en Madrid co director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano, para trasladarlle a situación na que se atopa a N-550 ao seu paso polo Milladoiro.
O obxectivo da reunión sería estudar posibles medidas a curto prazo para paliar o elevado tránsito de vehículos pola avenida Rosalía de Castro. A primeira medida proposta sería a restricción de paso polo centro urbano de vehículos pesados de menos de 30 toneladas, que se desviarían cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas. Outra medida sería consistiría na instalación dunha serie de paneis na Rocha e nas Galanas para informar os condutores dos tempos de paso pola autovía e polo centro do Milladoiro coa intención animalos a usar vías alternativas. Tamén se abordou a posibilidade de construir unha rotonda ao lado da gasolineira da Rocha.
A representación municipal, formada polo concelleiro de Urbanismo, Obras Púbilcas e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, trasladou tamén a necesidade de elaborar un estudo de solucións que inclúa a creación dunha comisión de seguimento formada por representantes do concello de Ames e do Ministerio de Fomento, pero tamén dos concellos limítrofes de Santiago de Compostela e de Teo.
O representante de Fomento, pola súa parte, comprometeuse a tratar o tema na reunión prevista co Delegado de Estradas en Galicia.