O Estrela Vermelha Masculino pincha fronte Irmandinhos e o Feminino gaña para auparse no segundo posto da liga
O enfrontamento Estrela Vermelha-Irmandinhos está a consolidarse como ‘superclásico’ da categoría
Composteláns e estradenses, Estrela e ‘Inhos’, enfrontáronse o pasado domingo tanto en categoría masculina como feminina e levando resultados dispares. Os locais, na categoría masculina, claudicaron nun igualadísimo encontro ante os seus máximos competidores, resultando o partido nun 20-21 para os visitantes, agora líderes en solitario. Pola súa parte, o Estrela feminino venceu a ‘Inhas’ por 25-21 para manterse no segundo posto da súa liga.
A tarde do pasado domingo no campo das Cancelas comezaba co prato forte. Na categoría masculina, o enfrontamento Estrela Vermelha -Irmandinhos está a consolidarse como ‘superclásico’ da categoría, e nesta ocasión non fallou. Os estradenses comezaron forte, poñéndose cinco puntos por adiante nos primeiros minutos e con pouca capacidade de resposta por parte dos locais. A medida que foi avanzando o minuteiro o Estrela foi gañando enteiros e o primeiro gol de Antón fixo espertar aos seus.
Co paso dos minutos o partido madurou e estabilizouse. Así, converteuse o encontro nun continuo intercambio de golpes, mais a vantaxe inicial dos Irmandinhos obrigaba aos ‘estreleiros’ a remar continuamente a contra corrente. Durante gran parte do encontro, os visitantes lideraron cunha marxe de entre catro e sete puntos, un pequeno colchón tendo en conta o dinamismo do fútbol gaélico. Os ‘Inhos’ servíronse do gran tiro a paos de xogadores como Jerry para manter o seu ritmo anotador -tan só anotaron un gol en todo o partido- mentres que o Estrela, tirando máis a gol, conseguía recortar distancias de xeito máis rápido a pesar de amosar certos fallos na saída do balón.
Nos derradeiros cinco minutos de partido todo semellaba máis aberto que nunca. Unha repentina falta de acerto dos visitantes e o acelerón final do Estrela, xogando a contrarreloxo e cunha presión crecente, electrificaron totalmente o encontro. No tempo de desconto, o segundo gol de Antón poñía as táboas no marcador por primeira vez dende o comezo do partido, mais aínda chegaría un tanto máis dos Irmandinhos para facer o definitivo . Con este resultado o conxunto da Estrada colócase como líder en solitario, con Estrela e Keltoi -ambos cun partido máis por xogar- completando o podio momentáneo.
Logo desta intensa carga de adrenalina que supuxera o primeiro choque, chegaba o partido feminino, estando a clasificación desta liga moi aberta aínda -a desta fin de semana aínda foi a segunda xornada- e á que o Estrela chegaba dunha vitoria e as Irmandinhas dunha derrota. Este choque seguiu un ritmo semellante ao masculino, mais cunha maior intensidade nas locais que lles fixo levar a vitoria. Nos primeiros minutos Vane acertou varios tiros a paos para adiantar ás súas no marcador. Logo diso, o partido continuou coas ‘Inhas’ puntuando mais sen chegar a recortar distancias.
Xa na segunda metade, cunha actuación destacable de Uxía e Vane, esta dinámica de liderado do Estrela seguiuse vendo, mais nos últimos minutos pareceu cambiar algo. A regularidade de Lucía no tiro a paos e un gol de Candela fixeron ás Irmandinhas achegarse significativamente no marcador chegando ao ecuador da segunda metade. Porén, as visitantes non puideron facer deses minutos de superioridade un empate e co asubío final o marcador rezaba un 25-21. Con este resultado, o Estrela mantense empatado a puntos coas líderes, Herdeiras de Dhais; e as Irmandinhas continúan sen puntuar, ao igual que Turonia, Auriense e Keltoi.