miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os populares instan a CA a non pagar sobreprezos ás empresas sen contrato

Os populares instan a CA a non pagar sobreprezos ás empresas sen contrato
Os populares instan a CA a non pagar sobreprezos ás empresas sen contrato

Sánchez-Brunete remarcou que o seu grupo insta ao Goberno de Compostela Aberta a que, antes de proceder ao pago das facturas das empresas que están sen contrato, cuantifique a cantidade indemnizatoria

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, anunciou onte en rolda de prensa a presentación por parte do seu Grupo dunha proposición no Pleno ordinario de esta semana, na que se lle solicita ao Goberno de Martiño Noriega que deixe de pagar sobreprezos ás empresas que carecen de contrato.

Sánchez-Brunete remarcou que o seu grupo insta ao Goberno de Compostela Aberta a que, antes de proceder ao pago das facturas das empresas que están sen contrato, cuantifique a cantidade indemnizatoria que, segundo a Intervención Municipal, nunca debe incluír o beneficio industrial, algo que está pasando ata o de agora.

Así mesmo, o concelleiro do Partido Popular explicou que o seu grupo solicita tamén que, con carácter urxente, se estuden as posibilidades para proceder á reclamación das cantidades xa pagadas en exceso.

A proposición que presentará o Grupo Municipal Popular parte dun informe de Intervención, no que se afirma que o recoñecemento de obrigacións a favor das empresas que prestan servizos sen contratos esixe a determinación dunha indemnización, pero esta non debe nunca incluír o denominado beneficio industrial.

A aplicación deste informe suporía un gran aforro á vista das cantidades facturadas por empresas sen contrato; unha situación que a longo deste mandato afectou, ás compañías adxudicatarias do servizo de centros socioculturais, á de xestión de multas, á do transporte público, e á da limpeza de instalacións municipais, entre outras.

O concelleiro Popular asegurou que é necesario disipar calquera sospeita de conivencia entre o Goberno e determinadas empresas, xa que resulta curioso que os que dicían literalmente “que viñan a liberar o Concello das garras das empresas privadas rematen facéndolles a manicura e a pedicura financieina”.

Así, destacou que esta situación supón unha enorme relevancia para a Facenda Pública Local e tamén para os contribuíntes, sobre todo, tendo en conta o importe de determinadas prestacións que se facturan ao Concello sen soporte contractual. No que vai de mandato as cantidades aboadas ou pendentes de aboar -en exceso- a diversas empresas poderían superar varios centos de miles de euros, unhas cifras que, de non ter que aboarse, suporían un aforro de miles de euros si se desconta o beneficio industrial tal e como parece pertinente.

Para Sánchez-Brunete, o Goberno de Compostela Aberta debería cuantificar a “indemnización” que corresponda pola prestación efectuada, nos termos empregados pola Intervención municipal nos seus informes e, polo tanto, cumprir co que o citado órgano sinala, antes de proceder a efectuar novos recoñecementos extraxudiciais de crédito.

No transcurso da rolda de prensa, o edil remarcou que o Grupo Municipal Popular considera que, con carácter urxente, o Goberno de Martiño Noriega debe solicitar do secretario xeral do Pleno un documento sobre o alcance do informe da Intervención municipal, en relación coas posibilidades de iniciar os procedementos que correspondese tramitar a fin de que o Concello poida reclamar as cantidades pagadas en exceso, no seu caso, a empresas que realizaron prestacións sen contrato en vigor.

Comentarios
Lo más