Novas actuacións de saneamento e pavimentación no lugar de Frións
As obras instalarán unha tubaxe para augas residuais e reporán o pavimento afectado.
O Concello de Ribeira adxudicou provisionalmente unha nova actuación dirixida a ampliar a rede de saneamento e mellorar a pavimentación, desta vez no lugar de Frións, pertencente á parroquia de Carreira.
Presentouse un total de 32 ofertas ao procedemento de licitación, sendo Alcomte Galicia SL a empresa que obtivo mellor puntuación cunha proposta económica de 36.179 euros.
A actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, enmárcase no POS Adicional da Deputación da Coruña. A obra consistirá na instalación dunha tubaxe a través da cal se conducirán as augas residuais ata o punto máis baixo do trazado, no que se conectará coa rede de saneamento municipal. En canto ao pavimento, repararase todo o ancho da calzada e reporase a beirarrúa que resulte afectada polas obras.