A Policía Autonómica levou a cabo 95 controis de consumo de alcohol en menores
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 63 persoas e inspeccionadas 95 zonas de ocio, locais e centros comerciais
Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 5 e o 11 de novembro un total de 95 inspeccións de control en 14 concellos galegos.
Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 37 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol, tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Baña, Coruña, Barro, Lugo, Mos, Noia, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Santiago de Compostela, Silleda, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo.
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 63 persoas e inspeccionadas 95 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse dúas actas de infracción: unha por consumo de alcohol e outra por venda de alcohol.
A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.
Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.