O conflito entre a Policía Local e o Goberno municipal chega ás rúas
A Policía Local convoucou concentracións para esixir que Compostela Aberta dialogue e cumpra as súas promesas.
A Policía Local de Santiago continúa a librar a súa guerra particular contra o Goberno local de Compostela Aberta, que dura xa varios meses e que non parece ter unha solución próxima, dado que as negociacións se atopan en vía morta e os desencontros entre uns e outros non paran de sucederse.
O último capítulo do conflito foi escrito o pasado mes de outubro coa convocatoria de dúas mobilizacións por parte do Sindicato Profesional de Policías Municipales de España, que tiveron lugar en forma de concentracións diante do Pazo de Raxoi co obxectivo de trasladar á rúa as reivindicacións policiais e forzar a Compostela Aberta a dialogar e a cumprir as promesas que, afirman, lles fixeron meses atrás.
En primeiro lugar, os axentes municipais esixen o pago das horas extra correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro de 2017. O expediente que permite o abonamento desta horas foi aprobado no Pleno extraordinario celebrado o 28 de setembro e ascende a 150.000 euros, pero o pago ainda non se fixo efectivo. De feito, hai meses que a Policía Local compostelana se nega a facer horas extra máis alá da súa obriga legal, o que chegou a provocar enfrontamentos puntuais como o vivido en xullo, cando Compostela Aberta respondeu a esta negativa anulando por decreto os días libres dos membros do corpo durante a celebración de O Son do Camiño.
Por outro lado, os axentes locais piden que as horas de traballo dos sábados sexan consideradas como horas de día festivo, xa que un policía e un funcionario do mesmo grupo e nivel cobran o mesmo, mentres que a xornada do primeiro é de luns a venres. Esta cuestión é, segundo indican desde o sindicato policial, unha promesa que lles fixo Noriega en xullo e que xa se fai en cidades como Vigo ou Ourense desde os anos 90.
Así mesmo, denuncian que só cobran 70 euros máis ao mes que un funcionario administrativo, e demandan unha maior compensación por festivos e nocturnidade de acordo coa categoría, grupo e nivel de cada axente, propoñendo que a nocturnidade conleve 22 días hábiles de vacacións.
Finalmente, fan tamén fincapé nunha reivindicación xa coñecida: as deficiencias do cadro de persoal e a falta de efectivos. A Policía Local conta na actualidade con 133 efectivos, fronte aos 174 de 2004, cunha idade media de 50 anos e con posibilidade de xubilarse aos 60, de maneira que Compostela perdería máis de 30 axentes nos próximos anos.
Sobre esta última cuestión, o Goberno municipal moveu ficha e a pasada semana reuniuse en Madrid co director xeral da Función Pública, Javier Rueda, para solicitarlle que Santiago poda contratar máis policías locais. A tenenta de alcalde, María Rozas, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, argumentaron perante Rueda que Santiago ten unhas características especiais para unha cidade de máis de 100.000 habitantes, xa que recibe multitude de turistas e estudantes. Apuntaron ademais que consideran un erro que o marco lexislativo actual non permita a contratación por contención do gasto, pero que permita gastar o mesmo no pagamento de horas extra. Segundo as informacións difundidas no seu momento, o director xeral da Función Pública mostrouse sensible coas necesidades da cidade, pero por agora non houbo resultados.
A Policía Local compostelana, pola súa parte, pretenden continuar coa axenda de protesta ata que o Goberno municipal cumpra co pactado e atenda as reivindicacións policiais, e, aínda que a lei non lles permite facer folga, non descartan tomar medidas máis drásticas nun futuro próximo.