Aberto o prazo de inscrición do obradoiro InserAmes-Brión dirixido a mozos desempregados menores de 30 anos
A duración do programa “InserAmes Brión XI” será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas de diferentes áreas
Tralo éxito acadado na décima edición do programa InserAmes Brión, a piques de rematar, cunha porcentaxe de inserción laboral do 64,7% das persoas participantes, os Concellos de Ames e Brión porán en marcha un novo plan que comezará nas próximas semanas e rematará o 30 de outubro do 2019.
O novo programa integrado de emprego “InserAmes Brión XI”, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros, e que conta cunha achega de 45.613,20 euros dos Concellos de Ames e Brión, está dirixido a 100 mozas e mozos, desempregados e menores de 30 anos, dos dous municipios.
A duración do programa “InserAmes Brión XI” será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas de diferentes áreas: actividades para a mocidade, comercio e atención ao público, actividades de almacén, ocio e tempo libre, limpeza, enerxías renovables e mantemento de fontanería e calefacción, manexo de maquinaria…
Asemade, recibirán formación transversal en idiomas, prevención de riscos laborais, técnicas de busca de emprego, coaching, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, autoemprego… e contarán coa axuda de titorías persoais para o acompañemento na busca de emprego por conta allea ou por conta propia.
O obxectivo desta nova edición é superar as porcentaxes de inserción laboral dos programas anteriores e poder acadar cifras superiores ao 50% das persoas participantes.
As persoas interesadas en participar no programa “InserAmes Brión XI”, teñen que achegarse polo Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (rúa Costaneira, número 2) situado na urbanización de Aldea Nova.
Outra opción é pasar polo departamento de Promoción Económica do Concello de Ames (segundo andar da Casa do Concello), para solicitar información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa.