Fomento reúnese hoxe co concello de Ames para avanzar na reducción de tráfico na N-550 no Milladoiro
Abordarase a posible colación de paneis informativos para disuadir aos condutores do seu paso polo medio do Milladoiro
Por segunda vez este ano unha representación da Corporación municipal do Concello de Ames asistirá a unha xuntanza, en Madrid, co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento. No pasado mes de marzo xa se mantivo un primeiro encontro co anterior director xeral.
Agora, tratarase de avanzar no desvío dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 (á altura da gasolinera), cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550.
Neste senso o Concello de Ames recibiu no pasado mes de outubro unha notificación da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia na que se reflicte que limitará o paso de ditos vehículos pesados pola avenida de Rosalía de Castro.
Esta mediada permitirá desviar o tránsito de entre 250 e 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas que pasan diariamente polo tramo urbano do Milladoiro. O Ministerio de Fomento elaborou un estudo técnico para modificar a sinalización existente. Dito informe foi enviado aos concellos de Ames e Teo para o seu coñecemento.
Para levar a cabo este desvío non sería necesario asinar ningún convenio co Ministerio de Fomento, e o desvío comezaría a realizarse unha vez estivese colocada a nova sinalización.
Por outra banda, abordarase a posible colación de paneis informativos para disuadir aos condutores do seu paso polo medio do Milladoiro. Trataríase de colocar un panel na zona da Rocha e nas Galanas, en ambos casos antes de entrar no Milladoiro, para informar dos tempos de paso dos vehículos pola autoestrada AG-56 e polo centro de Milladoiro.
Deste xeito, reduciríase de xeito salientable o tráfico que discorre pola avenida de Rosalía de Castro, e de cara ao futuro, permitiría reducir a dous carrís de circulación dita avenida coa consecuente humanización desta rúa do Milladoiro.
Tamén se lle solicitará ao Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento que se inclúa unha partida nos Orzamentos Xerais do Estado para facer o estudo da variante do Milladoiro.
Por último, pedirán que, na medida do posible, se execute o proxecto que recolle a construción dunha glorieta de dobre altura na rotonda de entrada ao Milladoiro (dende Santiago de Compostela), para solucionar os problemas de tráfico e posibilitar a desviación directa do tráfico rodado cara o polígono industrial Novo Milladoiro sen ter que chegar a dita rotonda.