miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Preto de 11.000 visitantes puideron ver a exposición "Castelao maxistral"

Preto de 11.000 visitantes puideron ver a exposición "Castelao maxistral"
Preto de 11.000 visitantes puideron ver a exposición "Castelao maxistral"

O programa de visitas relatorio ‘Descubrindo o Castelao maxistral’ permite ao público achegarse a esta mostra de man de especialistas

A exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra ten recibido preto de 11.000 visitantes no seu primeiro mes de apertura, o que a sitúa como a mostra da Cidade da Cultura con máis visitas nos primeiros 30 días. O alto interese por esta mostra, que exhibe por vez primeira en Galicia o icónico lenzo A derradeira leición do mestre, constátase tamén entre a comunidade educativa. 

Así, no mes de outubro achegáronse ao Museo Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, máis de 900 escolares, de 16 centros educativos, para participar nas visitas educativas que existen ao redor do proxecto expositivo, e para as que xa están inscritas outras 70 escolas.

A Xunta trouxo este outono por vez primeira a Galicia A derradeira leición do mestre, obra simbólica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que nunca antes tiña saído de Buenos Aires, onde foi pintado en 1945 polo artista de Rianxo, en homenaxe ao seu amigo e intelectual asasinado Alexandre Bóveda. 

Considerada o ‘Guernica galego’, a xenerosidade do Centro Galicia de Buenos Aires permite a súa exhibición temporal no Museo Centro Gaiás ata o 3 de marzo de 2019, como eixe central de Castelao maxistral, exposición coa que a Consellería de Cultura e Turismo pretende pór en valor o importante papel que xogaron na construción do ensino público os mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936).

Visitas relatorio

O pasado 10 de outubro puxéronse en marcha as visita-relatorio ‘Descubrindo o Castelao maxistral’, un xeito de coñecer máis polo miúdo, e a través de expertos e especialistas, o ensino e o contexto socio-político da segunda República, á vez que a figura e obra dun dos artistas galegos máis universais da cultura galega como foi Castelao.

As visitas-relatorio arrancaron da man do comisario da exposición, Miguel Anxo Seixas Seoane, e con todas as praza completas. O mesmo éxito rexistrou a celebrada este mércores co catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, mentres que a do 14 de novembro, co profesor de Política educativa e da Historia da Educación da USC e presidente da Asociación Española de Historia da Educación, Antón Costa, tamén ten esgotadas as inscricións.

No entanto, aínda poden sumarse visitantes para a última do 21 de novembro, con Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, institución que atesoura unha importante representación da obra e documentación de Castelao. Todas as sesións son de balde.

Concerto da RFG e Combate de debuxantes

O amplo programa de actividades ao redor da exposición Castelao maxistral conta tamén cun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia (RFG) o 17 de xaneiro, no Museo Centro Gaiás. Paul Daniel, o seu director titular, creou para acompañar esta exposición un programa especial, baseado nunha escolma musical na que os asistentes farán un percorrido pola música na súa época e nos diferentes lugares nos que Castelao viviu no exilio. O programa estará composto por obras de Korngold, Quiroga, Milhaud, Stravinsky e Piazzola.

A faciana de Castelao como excelente e prodixioso debuxante tamén será tida en conta nas actividades que arroupan a mostra. Deste xeito, está previsto un ‘Combate de debuxantes’ e tamén unhas xornadas académicas. Todo isto co obxecto de completar unha visión poliédrica dun personaxe tan polifacético como universal e unha das figuras máis destacada da cultura de Galicia.

Comentarios
Lo más