A ADOS recoñece ao BNG que “Ribeira” é o nome correcto do municipio
A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos respondeu positivamente a unha iniciativa dos nacionalistas.
A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), María Luisa López García, remitiulle ao BNG ribeirense un escrito no que recoñece o erro de utilizar o topónimo Riveira, e anuncia que procederá a empregar a ortografía correcta do nome do municipio: Ribeira.
Segundo informan desde o BNG, López García asume no texto que a Axencia estaba ata o momento incumprindo a lexislación vixente en materia de toponimia ao utilizar como referencia os documentos do Concello onde o topónimo está “deturpado”.
O escrito enviado pola directora de ADOS é resultado dunha iniciativa do concelleiro nacionalista ribeirense Luís Pérez Barral na que argumentaba con lexislación e estudos que Ribeira é a forma correcta de escribir o nome do municipio.
Pérez Barral cualificou esta decisión de “lóxica e racional” e considerou que demostra o “delirio lingüístico” e o “capricho persoal do PP” de manter unha toponimia que vulnera a lexislación, á vez que instou o alcalde, Ruiz Rivas, a deixar a un lado os intereses persoais nesta materia.