Rexístranse máis de 140 incidencias por mor do temporal que azotou Galicia
Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 71 incidencias rexistradas, Pontevedra con 39, seguida de Lugo con 22 e por último a provincia de Ourense, con 13 incidencias
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia ven de rexistrar un total de 146 incidencias entre as 09:00 horas e as 18:00 horas de onte debido á alerta laranxa decretada por costeiros, vento e choivas que está a afectar á nosa Comunidade.
Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 71 incidencias rexistradas, Pontevedra con 39, seguida de Lugo con 22 e por último a provincia de Ourense, con 13 incidencias.
En canto aos concellos, na provincia da Coruña destaca Santiago de Compostela con 10 incidencias xestionadas, Vimianzo con 4 e Padrón con 3. En canto aos concellos pontevedreses que máis incidencias rexistraron salientan Vilagarcía de Arousa con 5 incidencias, A Estrada con 4 e Vigo con 3. Na provincia de Lugo resaltar os concellos de Barreiros con 9 incidencias e Foz con 3. En Ourense, destacan as 3 do Carballiño e as dúas incidencias de Carballeda de Avia e Ribadavia, respectivamente.
Os tipos de incidencias que máis se repetiron foron por obstáculos, terra e pedras nas estradas (80), bolsas de auga nas vías de circulación (12) e restos de accidentes e obxectos na vía (8).
Destacar, tamén, que o 112 Galicia tivo constancia dun accidente laboral ocorrido en Portomarín. Segundo os datos facilitados ao CIAE-112, un operario que se atopaba cortando árbores resultou ferido ao caerlle unha enriba.
Sucedeu na parroquia de Recelle, ao fío das 12:20 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar dos feitos e, nada máis recibir o aviso, os xestores do CIAE-112 puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Portomarín.
TEMPO MÁIS ESTABLE PARA HOXE
Despois do paso dunha fronte o día anterior, durante esta xornada a atmosfera en Galicia irá recuperando progresivamente a estabilidade.
Deste xeito, haberá aínda ceos nubrados con chuvascos durante a mañá, que desaparecerán pola tarde, ao mesmo tempo que se irán abrindo grandes claros.
As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente mentres que as máximas non experimentarán cambios significativos. Os ventos soprarán de compoñente oeste, virando a sur ao final do día.