En Marea Touro elixe presentarse ás eleccións municipais do 2019
A formación, nestes dous anos que leva activa, xa elaborou un bo número de propostas que trasladou ó concello
Logo de case dous anos de traballo, o colectivo veciñal anuncia que se presentará ás eleccións municipais de maio do 2019.
Como folla de presentación amosan o plan de transporte elaborado para mellorar a mobilidade da veciñanza, a consecución dun desfibrilador automático ou a aposta por unha economía local sustentable basada na producción de alto valor engadido e no turismo, facendo especial mención á ruta dos peregrinos que pasará por Touro a partires do vindeiro ano e será motivo dunha charla informativa o vindeiro venres 23 de Novembro no Pazo de Andeade.
A agrupación local, pretende normalizar a participación política da veciñanza e destaca a boa acollida que tiveron as xuntanzas realizadas durante estes dous anos que levan traballando, tanto as de carácter informativo (especialmente as realizadas no outono pasado tratando o tema do novo proxecto mineiro), como o traballo para elaborar o novo plan de transporte metropolitano, ou tratar o tema da contaminación no municipio antes de que se coñecera o novo proxecto mineiro, e que permitiron achegar xente para traballar na mellora do concello.
A formación, nestes dous anos que leva activa, xa elaborou un bo número de propostas que trasladou ó concello e que, en algún caso foron acollidas como propias (caso do desfibrilador) e noutros casos, a maioría, non obtiveron resposta.
Con todo, son optimistas e esperan, logo das eleccións municipais, acadar unha ampla representación na casa do concello que permita formar un goberno alternativo ó actual, que consiga responder ás demandas sociais e medioambientais do concello.
A comezos do vindeiro ano presentarán a candidatura de forma oficial, polo que animan á veciñanza a unirse a este proxecto que permitirá aproveitar o verdadeiro potencial do municipio.