miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Expertos medievais falan das armas, indumentaria e técnicas de loitas na Idade Media

Expertos medievais falan das armas, indumentaria e técnicas de loitas na Idade Media
Expertos medievais falan das armas, indumentaria e técnicas de loitas na Idade Media

En ocasións o estudo das armas constitúe un parámetro para a datación dunha obra de arte

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares organizou onte un seminario sobre “Armas de Roma e a Idade Media. Tipoloxía, biomecánica e técnicas de combate”, que se desenvolveu no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago. 

Esta iniciativa ía dirixida aos alumnos do Máster e do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da USC e, en xeral, a estudantes de Historia, Historia da Arte e das distintas Filoloxías. Centrouse no uso das armas, na indumentaria e nas diferentes técnicas de loita empregadas dende o Imperio romano, con especial incidencia na Idade Media.

A profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago Dolores Fraga salienta que “as armas e a súa evolución é un campo de estudo interesante para as investigacións sobre a Antigüidade e a Idade Media, dende unha perspectiva interdisciplinar, que inclúe a historiadores, historiadores da arte, filólogos…”. 

Sinala que “dende a Historia da Arte estúdanse as armas a través da súa presenza en sepulcros, capiteis, miniaturas e outros soportes, o que facilita coñecer a súa evolución dende Roma ao mundo medieval. En ocasións mesmo constitúen un parámetro para a datación da obra de arte”. A profesora explica que “o perfil e as variacións destas armas co paso do tempo reflicten a consecución de elaboradas técnicas de combate, que inflúen noutros campos da Historia da Arte como a evolución dos sistemas defensivos (fortalezas, murallas das cidades…).

No seminario participaron varios integrantes do Club Falcata de Artes Marciais Históricas Europeas de Vigo, que dirixe Ricardo Soto, doutor en Educación Física e Deportes. Explica que levan anos buscando a parte máis científica e histórica das artes marciais, a través do estudo de tratados antigos. 

“Mediante a análise das fontes documentais que chegaron ata os nosos días e a aplicación da ciencia biomecánica estudamos as técnicas de combate usadas en distintos períodos históricos, dende a época romana ata a napoleónica, pasando pola Idade Media e o Século de Ouro” -apunta-.

As artes marciais históricas europeas son bastante descoñecidas

Soto sinala que “as artes marciais históricas europeas son bastante descoñecidas”, ata o punto de que están tratando de que a Real Academia Española modifique a definición de artes marciais, que aparece como o conxunto de antigas técnicas de loita do Extremo Oriente, que hoxe se practican como deporte, eliminando a referencia a Oriente. 

E propoñen ademais unha acepción alternativa: “Conxunto de habilidades e técnicas de loita para a guerra, con ou sen implementos, practicadas por todos os guerreiros do mundo a través do tempo e que agora se practican como deporte”. Estes expertos salientan que “na Idade Media europea os sistemas marciais estaban, alomenos, igual de desenvoltos que en Oriente ou que en calquera outro lugar do mundo”.

“A riqueza marcial de Europa durante a Idade Media está recollida en múltiples tratados da época, nos que se detallada con gran precisión cada unha das técnicas empregadas. A documentación escrita que se conserva amosa a sutileza e a psicomotricidade fina coa que compría executar estas técnicas, ao tempo que a mertalurxia estaba moito máis desenvolta que noutros lugares” -explica o experto-. E sinala que o cinema é un dos principais responsables de que aínda se manteña a crenza de que as artes marciais proceden de Oriente, dos antigos guerreiros samurais.

Por outro lado, Soto resalta que ao longo da Idade Media os señores feudais tiñan unha preocupación especial pola preparación das súas tropas. Así, había adestradores, mestres de armas, axudantes de mestres de armas… e os soldados dedicaban boa parte do seu tempo a adestrar as diferentes técnicas de combate.

Espadas, escudos, coitelos, martelos, machadas, mazas... ata paus

No transcurso do seminario varios membros do Club Falcata fixeron unha exhibición de distintas técnicas de combate pertencentes a diferentes etapas históricas, en particular da Idade Media, ao tempo que amosaron aos asistentes a indumentaria dos cabaleiros medievais e parte do armamento máis habitual da época.

É o caso das armas propias dos cabaleiros como a espada de man e media, a espada dunha man e escudo ou broquel, a daga de rodela, a loita medieval ringen; os combates con armas de infantería pesada como o mangual, a maza, o martelo de guerra, as machadas…; as armas de hasta como as alabardas ou a lanza partisana; ata o combate do pobo con paus como o quarterstaff ou pau longo inglés, o pau galaico-portugués… A arma por excelencia da Idade Media era a espada bastarda, usada nos séculos XIII e XIV.

Comentarios
Lo más