O Concello de Ribeira adxudica a instalación dunha rede de saneamento en Mosqueiros
O obxectivo é eliminar as augas residuais vertidas na praia de Mosqueiros, na parroquia de Castiñeiras.
O Concello de Ribeira adxudicou con carácter definitivo a instalación dunha rede de saneamento con pozo de bombeo no lugar dos Mosqueiros, na parroquia de Castiñeiras. O proxecto suporá un investimento de 43.983 euros e será executado por Nemesio Ordóñez S.A. nun prazo de seis meses.
O obxectivo desta actuación é eliminar diversas verteduras de augas residuais na praia de Mosqueiros, que carece de rede de saneamento. A obra consistirá na instalación dunha rede de tubaxes e pozos a través da cal se conducirán as augas residuais ata o punto máis baixo do trazado, no que se implantarán dúas bombas fixas para impulsala ata a súa conexión coa rede xeral. Todas as canalizacións irán soterradas e o pavimento será reposto.