Agustín Hernández tende a man para sacar adiante o Plan Especial do Casco Histórico
O voceiro do grupo Municipal Popular insistiu na necesidade de “apartar este documento do debate político”, polo que insistiu en que o Grupo de Goberno pode atopar no Partido Popular “a máxima lealdade para obter un Plan Especial á altura das necesidades de Santiago”
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, ofreceu onte a súa colaboración para sacar adiante o Plan Especial do Casco Histórico, co fin de acadar un documento á altura das necesidades de Santiago. Hernández propuxo ao Grupo de Goberno “apartar este documento do debate político e iniciar un período de diálogo real”, polo que insistiu en que o Goberno de Compostela Aberta pode atopar no Partido Popular “a máxima lealdade para obter un Plan Especial que recolla tamén as inquietudes dos veciños”.
No transcurso dunha rolda de prensa, o responsable do Partido Popular en Santiago fixo unha análise pormenorizada dos dous documentos presentados a semana pasada por CA, o Plan Especial e o Plan de xestión, e lembrou que hai xa seis anos que se asinou un convenio "entre o Concello, Gobernado polo PP, e a Xunta de Galicia para facer unha revisión profunda deste Plan Especial".
Ante o informe presentado polo Goberno de CA, Agustín Hernández esixiulle ao alcalde Martiño Noriega que retire este documento antes de iniciar a súa tramitación no Pleno, “xa que un documento desta envergadura e transcendencia debe nacer do consenso político, social, profesional e cidadán e, neste caso, o diálogo foi inexistente”.
Neste momento, remarcou, despois de máis de 40 meses de Goberno de Martiño Noriega, “o documento que se nos ofrece non reúne as mínimas condicións de calidade e rigorosidade en relación co que determinan os propios pregos nos que está baseado o contrato que se asinou no ano 2014”.
Así mesmo, Hernández lembrou que o Goberno do PP que asinou e adxudicou dito contrato deixou creadas dúas comisións, unha executiva e outra de participación para o seguimento e para acadar o mellor documento posible para a modificación do Plan Especial. “Pero a realidade, incidiu Hernández é que desde que está CA no Goberno só houbo dúas reunións en 41 meses o que define a falta de participación e interese”.
Proba disto e que o concelleiro Jorge Duarte presentou un documento “unilateral, insuficiente e confuso”, todo isto acompañado pola fata de explicación do equipo redactor, que non foi quen de aclarar o contido da documentación que presentaban.
“Parece que o Goberno de Martiño Noriega carece da capacidade de entender a importancia do Plan Especial do Casco Histórico de Santiago, documento que nace para perdurar no tempo e que debe buscar o consenso de todos os sectores aos que afecta”, subliñou Hernández.
O Grupo Municipal Popular considera que os papeis presentados por CA, que ten a idea irresponsable de levalos ao vindeiro Pleno, son totalmente confusos, xa que os relatores mesturan o propio Plan Especial co Plan de xestión, o que supón unha total falta de rigor e de diálogo”.
Así mesmo, Agustín Hernández remarcou que “consideramos un despropósito que CA inclúa para a execución desde Plan a un técnico que se tiña presentado ao concurso para elaborar este documento e que perdeu dito concurso”.