O 40% dos mozos e o 25% das mozas adolescentes de Santiago identifican os celos co amor nas relacións de parella
Na rolda de prensa estivo acompañada de Tania Merelas, doutora en Ciencias da Educación e especialista en Xénero e Políticas de Igualdade
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou en rolda de prensa un estudo elaborado polo Observatorio de Igualdade de Xénero no que se analizan as violencias machistas na adolencencia.
O estudio tivo como obxectivo obter información sobre a mocidade de 14 e 15 anos que cursan 3º da ESO. Participaron presto de 500 rapaces e rapazas dos IES Xelmírez I, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Xelmírez II, Antón Fraguas, Pontepedriña, Lamas de Abade e Sar.
Este estudo busca analizar o grao de interiorización dos mitos do amor romátinco na poboación adolescente, coñecer o grao de sexismo interiorizado, avaliar a identificación de formas de abuso e violencias machistas no marco dunha relación de parella e analizar a información coa que conta a poboación adolescente.
Os rapaces mostran un grao de interiorización do sexismo máis elevado que as rapazas, o cal supón unha maior interiorización dos estereotipos de xénero. Os resultados reflicten o elevado nivel de interiorización daquelas afirmacións que fan referencia a características asignadas á muller que teñen que ver cos coidados, coa sensibilidade, coa compaixón, coa capacidade de perdoar ou de sufrir no marco das relacións afectivas.
O 46,2% dos rapaces non é capaz de identificar o illamento da parella da familia e amizades como unha situación de violencia machista, fronte ao 24,2% das rapazas. Sobre os mitos do amor romántico, cómpre sinalar o nivel de interiorización dos celos, xa que o 25% das rapazas e o 40% dos rapaces identifícanos co amor.