Escolares de Boqueixón achegaron máis de 40 peticións á valedora durante a súa visita ao CPI Antonio Orza
Durante o mesmo puideron coñecer un pouco máis a institución do Valedor do Pobo, como funciona, e de que xeito pode axudar á cidadanía
A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, celebrou o martes en Boqueixón unha xornada de visita para achegar os servizos da institución que dirixe á cidadanía. Os escolares de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Antonio Orza achegáronlle medio cento de peticións para o seu centro, para as súas aldeas e para o concello en xeral, que hoxe mesmo foron rexistradas pola institución para darlles resposta.
A xornada de visita a Boqueixón permitiu á valedora, Milagros Otero Parga, reunirse inicialmente co alcalde e membros da corporación co obxecto de coñecer as principais necesidades do concello e de establecer canles fluídas de comunicación que permitan axilizar as queixas que afectan a este municipio.
A valedora ademais desprazouse ao CPI Antonio Orza, no lugar do Forte, onde mantivo un encontro de máis dunha hora con rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria. Durante o mesmo puideron coñecer un pouco máis a institución do Valedor do Pobo, como funciona, e de que xeito pode axudar á cidadanía.